Exposicións actuais

Neste momento pódese ver obra miña en tres espazos diferentes que a partir do venres serán catro. Participo na exposición colectiva de nadal de Arga, que se pode visitar na galería que a asociación ten en San Andrés. Nela teño unha táboa con técnica mixta e corenta obras en papel, óleos e gravados, de pequeno tamaño. Hai unha caixiña á que lle teño especial afecto, paisaxes soñadas, con seis monotipos, ademáis as series “Abrótegas” ou “Dende o azul”.

En Alfándega da Fe, Portugal, teño obra na exposición “50 artistas e dentro e de fora”, na que comparto sala con varios artistas portuguesas, españois e galegas.

 

 

 

Ademáis moitas das miñas obras están nas habitacións dun local en venda ou alguguer, dentro do proxecto  “Local dispoñible, almacén artístico“, na Coruña. Hai gravado,pintura e escultura.

Musa da noite, libro de artista de Inma Doval intervido por outros artistas. Foto de Rocío Ramos

En que estado quedarán? é o título doutra exposición, esta vez en Ourense, na Biblioteca Universitaria, na que artistas portugueses e galegos creamos un libro de artista con probas de gravados que desbotamos. Cada un dos libros foi pasando polas máns do resto dos artistas que fixeron a sua intervención, pintando, cortando, queimando, pegando.. O resultado é ben fermoso. Aquí queda unha reseña da exposición no DUVI, o diario da Universidade de Vigo. Pódense ver ata o 19 de novembro.

E este venres inauguraremos a expsosición “O Assobiador”, no Castelo de Santa Cruz, en Oleiros. É esta unha exposición moi nteresante, na qu ede novo volvo compartir sala con algunhas artistas portuguesas, moitas de elas coas que realizo habitualmente proxectos. Trátase dunha exposición colectiva de 40 artistas de distintas xeneracións e nacionalidades, comisariada por Mariana De Castro e Renata Carneiro. Parte da existencia dunha árbore centenaria, O Assobiador, corticeira de 1783 que está no Alentejo, cerca da vila de Augas de Moura. Mide 14 m de altura e ten un diámetro de 4,5 m, e a súa produción é 10 veces maior que calquera sobreira vulgar. Cada artista crea nunha peza de cortiza coa intención de chamar a atención sobre a súa protección. O nome da árbore ven da cantidade de paxaros cantores, asobiadores, que viven nela.